Arquivos do mes: Febreiro 2015

Entrevista a Ignacio Vilar en Berria

03/02/2015, por Íñigo Astiz

“O cinema é pór un pobo en movemento”

O director de cine Ignacio Vilar encheu  as salas de toda Galiza co filme en galego A esmorga e estivo en Bilbao presentando a adaptación do clásico de Eduardo Blanco Amor.

É un clásico en Galiza: “Avanzabamos como se fosemos pechando as portas e guindando coas chaves, como para non querer voltar”. Un home morto nunha taberna e a fuxida alcohólica cara adiante das tres persoaxes é o que conta a novela do escritor galego Eduardo Blanco Amor.

Agora o director Ignacio Vilar (Petín, Galiza, 1951) adaptouna ao cine e superou todas as marcas. Estreouse hai doce semanas e aínda segue a encher as salas comerciais. É a primeira película rodada en galego que acada algo semellante, así como ter sido nominada aos premios Goya. Agora proxectouse en Bilbo no festival Zinegoak e na primavera chegará ás salas comerciais.

Vilar fala optimista sobre a situación do cinema no seu país. “Agora o cinema galego está a piques de crear marca propia.”

P: O director Gonzalo Suárez tamén levara a novela ao cinema. El, en troques, trasladouna a Asturias e rodouna en castelán.

R: Eu coido que A esmorga é o espello do que somos os galegos. Como na novela, eu respetei o camiño que descorre por Ourense así como a climatoloxía adversa con moita choiva e frío. Iso é fundamental. É moi complicado rodar baixo a choiva, pero é primordial.

P: Tamén está aí a lingua.

R: É imprescindíbel para entender a esencia de A esmorga. Traballamos moito a fala de Ourense. Iso é o que botei en falta na versión de Suárez. É un director moi bo pero A esmorga ten máis profundidade.

P: Tes un total de cinco películas, e todas en galego.

R: Son galego e rodo en galego. Ademais recibo axudas públicas e teño unha responsabilidade co meu país e coa xente, que é quen puxo o diñeiro. Traballo co que nos  interesa a min e ao meu pobo, quizabes porque pode ser de utilidade.

P: Semella que o momento  do cinema vasco se acende e logo se apaga. É máis estábel o cinema galego?

R: Este ano cúmprense 25 anos desde que vira a luz a primeira longametraxe en galego; Sempre Xonxa, dirixida por Chano Piñeiro. Case todo o equipo técnico e artístico era de fóra. Despois de 25 anos, o equipo de A esmorga foi ao 99% galego, e os actores tamén agás Karra Elejalde, que rodou en galego. O cinema precisa dunha infraestructura, técnicos, actores e tamén dun sistema de financiamento. Agora o cinema galego está ás portas de crear marca de seu, igual que no seu tempo o cinema neorrealista italiano ou a nouvelle vague francesa. Eu sigo moito o cinema vasco, xa que son membro da Academia de Cine Española e este ano vin Lasa e Zabala. É una obra mestra. Iso non xorde da nada. O cinema é un traballo colectivo. Mais non só do equipo que fai o traballo senón de todo un pobo, e ese pobo tamén ten que ir ás salas e ver o seu cinema.

P: A fin de semana que se estreou o filme, chamastes a que se mobilizara o pobo galego.

R: O cinema é pór un pobo en movemento. Eu coido que o cinema é vivir unha experiencia, non só entretemento. O cinema dalle a un pobo a oportunidade de expresarse e iso quer dicir que ese pobo ten conciencia de seu e que é quen de manifestalo ao mundo. Nos EUA saben ben o que se pode facer co cinema e queren deseñar un cinema que só poden facer eles.

P: O teu traballo xa leva 12 semanas na carteleira. Iso é toda unha marca.

R: Tentei facer sentir a cada membro do equipo de traballo que o filme era seu. Por iso estivemos 15 días pechados cos tres actores nunha residencia. Chamabámoslle o resplandor a ese sitio (risas). Estabamos isolados, traballando no guión. Iso non se adoita facer no cinema, chégache o guión un ou dous días antes e a rodar. Alí tivemos boas broncas pero vimos claro o que filme queriamos facer. Foi un traballo colectivo e iso nótase no filme. Fixemos proxeccións nalgúns sitios e ao ver a boa acollida que tiña soubemos o que tiñamos nas mans. Xa o sabiamos antes pero o público sempre é un misterio.

P: O filme é duro, cun final tráxico. Rematan as imaxes e o son e proxéctase o texto final da novela en silencio.

R: Foi unha decisión difícil. Todos me dicían que puxera algo de música, pero convencinos. Se o público xa nos acompañou até ese punto, por que facer concesións? Ese silencio é incríbel. O texto do comezo do filme é o da novela e o do final tamén. Despois ven o nome do escritor: Eduardo Blanco Amor. Aí é onde me identifico co autor. Aí decátaste do que é a inmortalidade. A inmortalidade é coller o testigo. Nós somos o que outros foron e os que están por vir terán algo de nós. Iso é a inmortalidade.

P: Agora dobrastes o filme ao castelán. Mágoa?

R: Preparamos catro versións: versión orixinal con subtítulos en castelán; versión orixinal con subtítulos en éuscaro; versión orixinal con subtítulos en catalán; e a versión dobrada ao castelán. Eu estou en contra da dobraxe. Se por min fose, prohibiríaa, pero non teño poder para iso. Tamén nos interesa chegar a ese público que por cuestións económicas, culturais ou políticas non teñen acceso á versión orixinal. Estaría ben cambiar iso pero precísase tempo. Mentres tanto, hai que afacerse. Tamén preparamos moi ben a dobraxe en castelán cos actores.

P: Como dis, A esmorga é un punto común para os galegos. Por qué esa elección?

R: Os clásicos son clásicos porque nos son comúns. Funcionan aquí e aló. Os galegos estamos a vivir uns tempos moi difíciles. A lingua retrocede, tamén a nosa cultura, e coido que é imprescindíbel atopar eses puntos comúns, para poder sobrevivir e manter vivo o que nos transmitiron os nosos devanceiros e o que somos. Isto é fundamental para un pobo pequeno coma o noso.

Tradución do éuskaro ao galego por Rubén Alejandre.

Ler artigo orixinal