Unha historia de auto-destrución no norte de España, baseada nun clásico galego.
‘La isla mínima’ e ‘El niño’ son dous exemplos recentes do interese que vén mostrando o cinema español polas realidades locais, neste caso por Andalucía, no sur do estado español. ‘A Esmorga’, o filme intenso e sen concesións de Ignacio Vilar, fai o mesmo por Galicia, no norte. A súa rodaxe en galego constitúe ademais un feito illado. O filme baséase na singular, desesperada e surrealista historia de tres homes desenganados que emprenden unha patética viaxe cara á auto-destrución, historia narrada na novela homónima de Blanco Amor, un clásico da literatura galega, cuxa primeira edición foi censurada polo franquismo e, cuxa forza, ao igual ca do filme, radica no que non se di.
O título é prácticamente intraducible e significa algo así como andar de troula.
Ata o de agora, o filme estreouse só en Galicia cun grande éxito, difícil de reproducir no resto do estado español, a partir de marzo de 2015.
Porén, os festivais ávidos de obras singulares e xenuinas que lles outorguen unha verdadeira relevancia deberían repicar por ‘A Esmorga’.
Mírese por onde se mire, a vida na Galicia dos anos 50 baixo o réxime franquista era moi dura e o director, quen manifesta un profundo respecto polo orixinal, captura dun xeito case físico a humidade, a opresión e a pobreza que condicionaban daquela moitas vidas. Cibrán (Miguel de Lira) é un obreiro que se xunta coa Raxada (Melania Cruz), nai solteira. Unha mañá, de camiño ao traballo, é abordado por dous amigos bébedos, Bocas (Karra Elejalde, cuxa fama se disparou este mesmo ano logo do éxito de ‘8 apellidos vascos’) e o atormentado Milhomes (Antonio Durán “Morris”). Renegando, Cibrán xúntase a eles no seu deambular incerto pola zona, deixando tras de si un regueiro de (auto)destrución.
Fan un alto na taberna da rabuda tía Esquilacha (Covadonga Berdiñas), quen pousa os pés de Cibrán nos seus seos tratando de aliviar a dor dos sabañóns; acceden á vivenda dun cacique local chegado hai pouco de Francia, onde Bocas se namora da misteriosa dona da fiestra; chegan a un pazo ao que Cibrán, xa bébedo, lle prende lume sen querelo; bótanos dun prostíbulo; galantean cunha muller pueril e tola, Socorrito (Sabela Arán), quen cada mañá saca pasear un boneco nun carriño. E todo isto, coa benemérita detrás case cheirándolles o alento –Milhomes é sospeitoso de ter matado a un home durante unha liorta nunha vila veciña. Pouco a pouco, unha sombra agoreira instálase no seu surrealista camiño sen tino: nada bo pode acontecer, sobre todo cando a sexualidade reprimida de Milhomes non deixa de amolar ao Bocas dun xeito que ningún dos dous homes son quen de comprender. Semella obvio que o Bocas e o Milhomes emprenderon unha especie de misión suicida ao abeiro da bebedela á cal o malpocado Cibrán se sumou sen sabelo. O alcol é para Cibrán o refuxio do que el mesmo denomina “o pensamento”, unha terrible lucidez que lle fai ser consciente da súa sórdida existencia.
Todo isto compleméntase cun cru retrato dunha rexión de España que curiosamente foi abandonada e oprimida polas autoridades, nunca visibles pero que deixan no pobo unha pegada indeleble. Dito doutro xeito, ‘A Esmorga’ é un filme político sobre a actual crise financieira.
A fotografía de Diego Romero Suárez-Llanos capta con mestría o amplo abano de cores e texturas de Galicia, composto de escuridade, choiva, musgo e pedra en distintas proporcións. As condicións atmosféricas son duras pero o que verdadeiramente destaca no filme son as interpretacións dos actores, todos galegos agás Elejalde. Dun xeito superficial, os personaxes son ou convertéronse en pouco menos ca animais e son servos dos seus instintos. Porén, os seus actos lémbrannos constantemente o sufrimento do seu pobo ao tratar de comportarse coma seres humanos cando, en moitos casos, iso lles está prohibido.
Ao filme sóbranlle claramente 20 minutos: hai momentos nos que ás trasnadas do trío de peneques se lles concede demasiado tempo, coma se Vilar ficara hipnotizado coas sobresaíntes interpretacións. (Cómpre dicir que con este filme Vilar dá un salto cualitativo na súa carreira como director). A sinxela e efectiva música de Zeltia Montes, composta para piano en tonalidade menor emprégase cunha discreción que adoita contrastar pola súa melancolía e contundencia cos excesos dos nosos tres anti-heroes nunha espiral sen retorno.