Cibrán
Home de carácter débil, que se deixa embrullar facilmente, vítima dalgunha forma de depresión que se activa cos incidentes climáticos. É o máis consciente dos tres, tanto no que se refire á conciencia de clase como á identificación da sociedade na que vive.
Miguel de Lira
Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación masculina protagonista no 2013 por Somos gente honrada (Alejandro Marzoa), Miguel de Lira é un dos máis recoñecidos actores galegos dos últimos anos. Vinculado ao teatro, obtendo neste múltiples éxitos de crítica e público, participou tamén en grandes filmes galegos e españois: No habrá paz para los malvados (Enrique Urbizu), La noche que dejó de llover (Alfonso Zarauza).
Interpreta en A Esmorga o personaxe de Cibrán, narrador desa esmorga de 24 horas polas rúas de Auria.
Bocas
É un matalobos, tan amoral como o Milhomes pero cunha vontade de poder e un delirio de acadar experiencias únicas descoñecido polo seu compañeiro.
Karra Elejalde
Premio Goya á interpretación masculina de reparto no ano 2010 por También la lluvia (Itzíar Bollaín), Karra Elejalde é un dos máis prestixiosos e valorados actores do panorama estatal. Actor destacado en filmes de Julio Medem (Vacas, La ardilla roja, Tierra), Juanma Bajo Ulloa (La madre muerta, Airbag), Alex de la Iglesia (Acción mutante) ou Alejandro González Iñárritu (Biutiful), é protagonista tamén da película máis taquilleira do cine español, estreada con enorme éxito no mes de marzo de 2014: 8 apellidos vascos, de Emilio Martínez-Lázaro.
Interpreta en A esmorga o personaxe de Bocas, verdadeiro motor da acción e personaxe de múltiples matices que Elejalde, cun virtuosismo extraordinario e amosando de novo o seu espectacular talento interpretativo, engrandece e logra achegar ao espectador. Todo isto nun galego perfecto.
Milhomes
Vive a súa homosexualidade da única forma posible no mundo que o rodea, dominado pola homofobia. A súa vida afectiva debe disfrazarse da camaradería masculina e contentarse coa permisividade que consenten as borracheiras.
Antonio Durán ‘Morris’
Premio Mestre Mateo 2011 á Mellor Interpretación masculina protagonista pola longametraxe Doentes (Gustavo Balza); Premio Mestre Mateo 2006 á Mellor Interpretación masculina de reparto por O partido (Juan Calvo); Premio Chano Piñeiro 2009 a toda a súa traxectoria, entre outros.
Antonio Durán “Morris” ten destacado en cine en producións tan relevantes como Los lunes al sol ou Princesas (Fernando Leó de Aranoa), así como en filmes máis recentes como Retornos (Luis Avilés), Os fenómenos (Alfonso Zarauza) ou Somos gente honrada (Alejandro Marzoa).
Protagonista tamén dalgunhas das máis exitosas producións da televisión tanto en Galicia (Padre Casares, Voz Audiovisual para TVG) como fóra dela (Luna, el misterio de Calenda, Globomedia para Antena 3 TV), conta cunha longa traxectoria que o converte nun dos grandes actores do audiovisual galego de todos os tempos.